xoves, 18 de xaneiro de 2018

Laboratorio "Ángel Carracedo"

O pasado martes foi un deses días que non se esquecerá no centro. Os máis novos aínda non son realmente conscientes da importancia da súa visita pero o día de mañá poderán apreciar e dicir que compartiron unha xornada co científico galego de maior proxección mundial, D. Ángel María Carracedo Álvarez.


A primeira parada tivo lugar na biblioteca. O doutor pasou ao laboratorio e foi sorprendido polos alumnos e alumnas de 4ºA de Primaria que realizaban unha experiencia de cromatografía. Entón foi cando lles comezou a explicar, coma se dun conto se tratase, en que consistía o seu traballo de xenetista e, ante o agrado de todos os asistentes, suxeriu realizar un experimento improvisado: a extracción de ADN dunha mazá e plátano.


Momento do experimento, ante a atenta mirada de Xosé Tomás Díaz, Olimpia Alcaraz e o alumnado de 4ºA.
                             
Representantes da Consellería e Concello , xunto co alumnado, escoitando a Carracedo.

Despois descubriu a placa do laboratorio, que desde o martes, leva o seu nome. 
Laboratorio "Ángel Carracedo"

A xornada tivo a segunda parada nun repleto Auditorio de O Rosal con membros de toda a comunidade educativa que non quixeron perder a oportunidade de escoitar a este brillante científico.

O alumnado de 4ºA de Primaria fixo un vídeo sobra a traxectoria do científico.
Momento da súa charla.

Falounos de diversos temas que pronto capataron o interese de todos os presentes:
Fixo un repaso pola súa vida, desde unha feliz infancia ata as súas últimas achegas ao mundo da ciencia. Explicounos, eludindo todo tipo de palabras técnicas, como se creou a vida, o que era o xenoma humano, exemplos do que se pode conseguir co ADN, investigacións nas que participou, falounos do grupo de traballadores que ten... Incluso nos contou que, desde sempre, unha das súas grandes paixóns era o mar, ata o punto en que houbo un tempo no que se planteou ser fareiro... E aínda que non oriente as embarcacións, estamos seguros de que é e será o guía de moitas persoas que coma el teñen o gusto pola investigación.


Non quixemos perder a oportunidade de coñecer, a través de preguntas de representantes de pais/nais e alumn@s, aspectos das súa traxectoria profesional e as súas reflexións sobre o mundo da Educación. 
Os representantes de alumn@s, de pais e nais,  xunto coa moderadora do coloquio, Dolores Sánchez.

E rematou a xornada como a el lle gusta... interactuando coa xente.


 "Se un ten ilusión, traballa e persegue os seus soños, sempre terá oportunidades na vida"
Ángel Carracedo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.